A Festa das Fontes: ritual, memoria e comunidade

A Festa das Fontes: ritual, memoria e comunidade

Nun contexto marcado polo despoboamento, a perda progresiva de servizos e a transformación acelerada dos modos de vida, o rural continúa a ser un espazo de resistencia cultural, social e simbólica.

Xandra Táboas @grabidade0.0

As festas populares, lonxe de seren simples acontecementos lúdicos, cumpren unha función esencial como lugares de encontro, de transmisión de saberes e de construción colectiva da identidade. Neste marco insírese a Festa das Fontes, celebrada no lugar de Castro do Cabo, na parroquia de Castro, no concello de Cerdedo-Cotobade. Unha celebración nova, mais fondamente enraizada, que se foi consolidando como un espazo onde tradición, creación contemporánea e vida comunitaria se entrelazan.

A Festa das Fontes nace coa vontade explícita de poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dunha pequena aldea da Terra de Montes, mais tamén cunha ambición máis profunda: reconstruír vínculos, activar a memoria colectiva e reafi rmar o rural como espazo vivo, creativo e habitado. Desde a súa primeira edición, a festa enténdese non como un evento importado ou alleo, senón como algo que xorde do propio territorio e dialoga con el.

Xandra Táboas @grabidade0.0

A organización da festa recae na asociación cultural Sons do Coto. Cunha equipa da traballo organizada, son xente nova que procura facer da súa aldea un espazo de lecer e militancia, non só un dormitorio ou un lugar onde só ir na fi n de semana ou en vacacións. Fuxindo de facer unha recreación das festas de aldea coas súas verbenas, apostan pola cultura de calidade, traendo a artistas locais e de fóra que se sensibilizan co entorno e coas capacidades que pode ofrecer. Ademais, sen a necesidade de medrar, a A.C. Sons do Coto promove esta festa defendéndoa dende o fogar, afi rmando que non hai que irse a un macrofestival para divertirse; pódese desfrutar na aldea tamén.

A Festa das Fontes pode ser entendida como un ritual contemporáneo. O rito da auga na Fonte de Riba, que abre a xornada, funciona como un xesto simbólico cargado de signifi cado. As fontes, historicamente, foron espazos centrais na vida das aldeas galegas: lugares de encontro, de traballo compartido, de conversa e de transmisión oral. Recuperar a centralidade da auga como elemento simbólico é tamén recuperar unha relación co territorio baseada no coidado, na colectividade e na conciencia do común. A ofrenda á fonte non é unha representación folclórica baleira, senón unha maneira de refl exar o fundamental que é a auga nas nosas vidas, xa que hoxe en día semella que non se sabe de onde ven.

Un dos elementos máis signifi cativos desta festa é a súa capacidade para activar a memoria colectiva da aldea. Entre todas as actividades, destaca a proxección de fi lmacións en super-8 da Festa do Can dos anos 80, a festa pagana de Castro fundada no ano 49. Faise polo inverno no lugar de Castro do Medio na Casa da Sociedade, por mor de facerlle unha festa ao can de San Roque. Esta festa foi o xerme da actual Festa das Fontes: sen Festa do Can non habería Festa das Fontes. Esta actividade arredor das proxeccións enmárcae baixo o nome de “Cinema na corte”, e constitúe un exercicio de arqueoloxía emocional. Non se trata só de ver imaxes antigas, senón de recoñecerse nelas, de reconstruír relatos compartidos e de establecer pontes entre xeracións. É fermoso ver como a veciñanza recoñece nestes fi lmes aos seus familiares e ver aos bisnetos vendo por vez primeira aos seus visavós e tataravós. A festa convértese así nun arquivo vivo, nun espazo onde a memoria non permanece fi xa, senón que se reactiva e se resignifica.

Xandra Táboas @grabidade0.0

Este diálogo interxeracional é unha das grandes fortalezas da Festa das Fontes. Nun tempo no que moitas celebracións parecen orientadas a públicos moi específi cos, aquí constrúese un espazo inclusivo, onde a veciñanza maior convive con persoas novas, onde quen marchou pode volver e quen chega por primeira vez é acollido. A acollida da xente da aldea é, neste sentido, fundamental. Desde a primeira edición, a implicación da veciñanza foi clave tanto na organización como no desenvolvemento da festa. As casas, os eidos, as cortes e os camiños convértense en escenarios, borrando as fronteiras entre o privado e o público, entre o doméstico e o festivo.

A segunda edición, celebrada o 16 de agosto de 2025, supuxo a consolidación dun estilo propio. Lonxe de medrar de maneira desmedida, a festa aposta por un crecemento sostible, respectuoso co entorno e coa capacidade da comunidade. A programación, diversa e estendida ao longo de todo o día, responde a unha lóxica de itinerancia e de ocupación consciente do espazo aldeán. O pasarrúas da Tralha da Terra de Montes, que percorre a aldea, non só anuncia a festa, senón que a activa fi sicamente, facendo do desprazamento unha experiencia compartida, tecendo comunidade.

Xandra Táboas @grabidade0.0

No ámbito musical e escénico, a Festa das Fontes propón un diálogo constante entre tradición e experimentación. A presenza de proxectos que parten da música tradicional galega, xunto con propostas que a mesturan con electrónica, performance ou linguaxes contemporáneas, refl icte unha visión dinámica da cultura. Aquí a tradición non é entendida como algo fi xo ou museístico, senón como un corpo vivo, en constante transformación. Esta concepción resulta especialmente relevante no rural, onde moitas veces se proxecta unha imaxe inmóbil e nostálxica que non responde á realidade das comunidades actuais.

A feira de produtos e artesanía é outro dos piares fundamentais da festa. Máis alá do seu valor económico, este espazo funciona como lugar de encontro e de recoñecemento do traballo manual, dos saberes transmitidos e das economías de pequena escala. A presenza de artesás e produtoras locais reforza a idea de autonomía cultural e económica, e establece relacións directas entre quen produce e quen consume. Así, a festa contribúe a fortalecer redes locais e a visibilizar formas de produción alternativas ao modelo industrial dominante.

Xandra Táboas @grabidade0.0

Durante un día enteiro, e a súa noite, a aldea transfórmase, énchese de voces, de movemento e de presenza. As consecuencias positivas para a comunidade son moitas. A nivel simbólico, a festa reforza a conciencia e orgullo de que a aldea ten valor de seu. A nivel práctico, supón un retorno de xente, un movemento económico puntual e unha activación dos espazos. E a nivel emocional, contribúe a combater a sensación de abandono, que tantas veces pesa sobre o rural, xerando ilusión e expectativas de continuidade.

Xandra Táboas @grabidade0.0

A Festa das Fontes inscríbese así nun movemento máis amplo de revitalización cultural no rural galego, no que as festas comunitarias están a adquirir un novo signifi cado. Non se trata de reproducir modelos urbanos nin de converter as aldeas en parques temáticos, senón de construír propostas situadas, coherentes co territorio e coas persoas que o habitan. Neste sentido, esta festa é un exemplo de como a cultura pode ser unha ferramenta de coidado, de resistencia e de futuro, cunha perspectiva optimista de cara á repoboación e o convivio. É un exemplo de como, desde unha pequena aldea, poden xerarse dinámicas culturais profundas, transformadoras, conscientes co entorno e cheas de sentido.

Xandra Táboas @grabidade0.0

Deja una respuesta